Cando voltaremos A MAR?

Cando voltaremos A MAR?
TVG: O surf chegou a Zalaeta!

viernes, 15 de noviembre de 2019

Emocionalmente AXIL: Ximnasia nunha EF do SXXI

Como ensinar ou aprender hoxe non ten nada que ver con como se facía no pasado, cando o método era a reprodución, a execución dun modelo cos obxectivos de:
ENDURECER, ENDEREZAR E OBEDECER...
Nós estamos empregando un material do século pasado, pero tendo en conta a realidade da aula e deixando facer grupos respectuosos, responsables e integradores. Aplicamos un método de descubrimento onde os protagonismo é dos nen@s. Recoñecendo e admitindo todos os corpos, cada corpo é único e valioso, e independentemente dos niveis de cada quen, tod@s somos susceptibles de mellorar ou avanzar. Sacar cada un o mellor para ofrecerllo aos demais, ESO é felicidade!

PARABENS!! por querer avanzar na mellora da
 AXILIDADE MENTAL, EMOCIONAL E CORPORAL
Sendo capaces de argallar en 4 sesións un conxunto de equilibrios, saltos e xiros, molaaa!!
GRAZAS!  a tod@s por saber superar atrancos e adaptarvos aos cambios. Saber traballar en equipo é probar ideas, tomar decisións, facer fronte as emocións negativas, recoñecelas e non fuxir delas, saber elixir e buscar solucións, respectar as diferencias, saber argumentar e aprender a mirar en positivo ou valorar o bo que teñen outras propostas, e en base a esa observación externa suxerirlles propostas de mellora.
  ADMIRAMOS e aplaudimos a vosa capacidade de iniciativa e autonomía.
ESO é ser EMOCIONALMENTE ÁXIL!!  Bo para a saúde corporal e mental!! 
Estes procesos creativos grupais achéganvos benestar e felicidade, porque é unha chulada sentir que teus compañeir@s están aí para acompañarte, axudar a superarte, animarte e alegrarse cos teus logros.

Seguimos coa Olimpiada saudable e comezamos a xerar material para que cada grupo vaia atopando o relato que quera contarnos no ALABAILA. Imos tirar do fío do amor ao mar...

Para atopar boas ideas haberá que indagar e desexar imaxinalo, contalo, cantalo, bailalo, pintalo...
  Imos inspirarnos en Ali Ali o pintor sirio de Monte Alto, que pinta ao modo das"Cidades invisibles" de Italo Calvino. Imos contarlle a este último, por que se non veu a Coruña de vivo terá que facelo de morto...
A nosa cidade xa ten nome de muller, non terías que inventalo ti. E non é fantasía túa, as veces a nosa cidade bórrase do mapa facéndose invisible, parcial ou enteiramente invisible. Iso ocurre cando polo oeste, o Monte de San Pedro bota para fóra, como se dun volcán se tratase, moreas de néboa que van espallándose pola súa ladeira e cubrindo a cidade, como se fora nun time lapse ou a cámara rápida, e quedamos suspendid@s no aire sen tempo nin espazo, escoitando as bucinas dos barcos que nos devolven á realidade. As veces é a Torre o único que emerxe como unha illa de significados cando non existe nada máis. 
A Torre foi de Hércules e antes de Breogán, agora é nosa, é memoria, desexo, intercambio, símbolo, totem, a Torre son salseiros e sons do mar, a Torre somos nós. A Coruña é de ensoño porque vén dun soño nacido no seu corazón.
 Queres escoitar o noso latexo?

"Non sei se faro ou torre ou terra prometida

foron marcando o norte dos meus sucos.



Só sei que aquí me tés, a ti oferecida" 

(Versos de "Ameite tanto" que lle pedimos prestado a Pilar Pallarés. Parabéns por ser recentemente Premio Nacional de Poesía 2019 polo seu poemario "Tempo fósil", e mira ti por onde, foi profesora de galego en Zalaeta)

 Partindo do máis alá ou ultramar, ao cabo de varias xornadas de navegación o viaxeir@ chegará ao golfo Ártabro e divisará ao lonxe unha das maravillas da antigüidade, a única torre en pé de pedra daquela época que aínda é vixía, e se encarga polas noites de que non nos extravíemos, falándonos en morse cos seus feixes de luz:  
             A      CO  RU  ÑA               A      CO  RU  ÑA                   A      CO  RU  ÑA 

Quen chega a esta nosa cidade por mar, sorprenderáse pola súa rotundidade e envoltura de pel cor caramelo. Hoxe as vacas e bois pacen despreocupados a herbiña acolá, pero os días de temporal aínda podemos escoitar o seus muxidos.

O viaxeiro non o saberá pero nós si, moitas das rochas do muro exterior desa torre primixenia foron empregadas noutras construccións da cidade. E deixando a Torre a estribor, nun rumbo de través o viaxeiro verá chantada unha caracola, ou corno da abundancia de peixes de moito coidado. O  viaxeiro curioso verá a copa do sol  e o mítico Hércules protagonizando eses retos épicos dos que saíu airoso. De súpeto, de xeito sorprendente achegaráse a unha familia de menhires reunida en círculo, que é como se contaban as historias antes mirando aos ollos. A nós gústanos invocar ao mar como fixo Amergín, fillo de Breogán porque aquí comezou todo ó que somos
" Eu son o vento no mar
son unha onda no océano
son o ruxido do mar"
son o berro da muiñeira
O viaxeiro enfilando ambos faros de mera, coa proa cara o seixo branco, pronto terá a babor a Marola, isto vai enchelo de gozo por ser quen de chegar con vida da mar toda. Non como algún petroleiro que non atinou a entrar con temporais de invernía. A Marola é a nosa illa tartaruga. 

A estribor o  viaxeiro dará outro salto no tempo, verá pero non entenderá, nós tampouco, porque despois dunha guerra houbo que seguir rematando cunha represión inhumana. O camiño do cárcere a esas pedras que agora se erguen como recordatorio da barbarie,  facíase rápido pero duraba a perpetuidade.

A Coruña é tamén cidade dos mortos que gostan de miran ao mar, como Santo Amaro, que buscou e procurou unha illa da felicidade, nesta case illa que envolve o mar a felicidade atopámola aínda que non a tempo completo. Os mortos fálannos cos seus nomes propios de historias de esforzos, cóleras, ilusións, logros, fracasos. Houbo dous tipos de cóleras mortais de necesidade na Coruña. 
 Volvemos innvocar ao mar, nesta sucesión de ondas ou etapas históricas e impulsos vitais, a nosa cidade vai aprendendo a convivir en paz e para nada é infeliz. Porque vimos de mariñeiros, somos ben festeir@s, músic@s e artistas de moitas aristas ou poliédricos. Tamén gostamos de levar o temón portando ventos, remar contra vento e marea e cabalgar ondas imposibles.  Un diplomático de Monte Alto, carnocho de moita tralla, mestre de cerimonias, arroutadas e repichocas, gosta de repensarnos como tribu e facer bruar a buguina para invocar o mar. Temos a onde mirar, e mirarnos, por iso botamos versos ao mar,  que existe tamén para que o pintara Lugrís.
Acuarela, primeira imaxe da cidade, feita por un italiano SXVII, aquí o porto xa comezaba o declive imperial

Co vento empurrando pola popa da nave o viaxeiro virará a estribor e entrará ao abrigo do dique. Verá o Castelo de San Antón que recorda que nesta cidade se loitou e moito contra invasións vikingas, e máis tarde foi lugar de combates entre Drake e María Pita con outras mulleres de armas tomar. Intuirá onde a cidade comezou e foi nova e amurallada, agora é vella, onde os vellos miran pasar a mocidade. Daquela estaba vixiada por igrexas e espazos para a gobernación da vida en comunidade, tiña unhas portas que deixaban fóra os campos, e foron anexionándose a pescadería, pola importancia da vida do mar os mareantes tiñan unha capela. Logo viu o ensanche e nas aforas estaban os arrabais e as aldeas. 

Puxéronse de moda os balnearios e en Riazor iban darse os 9 baños pero sen tomar o sol que era  cousa de escravos.  San Roque estaba moi afora, tanto que non era Coruña. Logo fomos medrando, anexionámonos a aldea de Oza que aínda recorda quenes gardaban a cuarentena en Lazareto. 

A nosa cidade fala, escoitémola, igual que aos nosos avós e bisavós, que son sabedores dos grandes cambios urbanos que houbo, porque algúns segredos están moi agochados, como o río Monelos. O río Mero desemboca na ría, pero nós tamén tivemos un dentro da cidade. En Galicia ter río é ter muiños, muiñadas e muiñeiras. Pero a Coruña construíuse de mar. Foi punto de saída da realeza, da Armada que foi vencida polo mar, de aquí saíron expedicións científicas, e fomos cidade modernista, ilustrada, burguesa e liberal, republicana. Construímos e volvemos facelo, porque un incendio deixouno na ruína, o noso primeiro gran teatro, o Rosalía de Castro, onde foron representadas todas as escenas das vidas vividas ou soñadas.


Fixemos unha plataforma, antes chegaba o mar do Orzán polo que agora é Juana de Vega, ata á outra banda do itsmo. Antes nos soportáis da marina os barcos amarraban, descargaban o peixe, salgábano e vendíano. Asi que construimos e axardinamos sobre o mar, ata fixemos o edificio máis alto de España.
 A cidade foi o berce das Irmandades da fala, tivemos movementos obreiros coma o das cigarreiras, e porque houbo miserias e afán de superación loitamos na emigración polo mundo adiante. Agora chegan moreas de pasaxeiros en trasatlánticos, ou cidades flotantes. 
Pola nosa cultura mariñeira, nós identificámonos máis cos que chegan en veleiros. 
Porque a terra é redonda o mar envólvenos. Italo, deberías coñecer a Cunqueiro, outro que coñecía as cidades que vira soñándoas . Agora xa sabes quenes e como somos, e por que a Torre é a nosa orientación espacial, cultural e histórica e inspiración de futuro. E ti fascinado estarás pensando... 
e que non temos? 
Pois para ser a cidade ideal, faríannos falla máis árbores, as que temos teriamos que coidalas e amalas máis. Algunhas árbores sofren unha poda tan radical que non se recoñecen nin entre elas. Outras foron murchando e marchando  sin dicir nada, aniñando no seu lugar a desmemoria. Os paxaros están que trinan e os insectos desconcertados porque non chegan a final de mes. Os vagalumes sen noite pecha sufrindo incomunicación e lamentándose de que haberá nen@s que na súa vida gozarán da visión profunda e ampla da vía láctea, e non entenderán o diminutos e fugais que somos todos os seres vivos na terra. Aínda menos mal que os nosos nen@s teñen avós e aldeas para aprender da lingoa das bolboretas, se non pobriñ@s... 

A INDAGAR… e AVANTE TODA!!
Imaxinade que lle contades a alguén que vive nun país interior, que non ten mar por ningures, como é a vosa cidade… ou a cidade invisible que non podería ver cos ollos…vos como soñades a vosa cidade e estades a facela?  Como diría Santo Amaro, o paraíso existe, eu vino. Nós tamén vemolo mirando cara a adiante, navegando na procura da felicidade, facéndonos preguntas esenciais da vida:
ONDE ESTOU? QUEN SON
Preparade a canción curta, pandeireta e cunchas para a canción de Amergin o día da bici aos pés da Torre, xunto Breogán e todo o mar. E logo máis elaborada para o ALABAILA e gozalo todo na travesía no veleiro.

Este inspirador montaxe unindo muiñeira, hip hop, uns versos de Manuel María e paixón polo propio,  foi finalista nun campionato nacional de danza. Por que pensades que cautivou ao xurado  algo tan local como unha muiñeira de Chantada? Con canta profundidade és capaz de mirar o mar ou esta espectacular coreografía que comeza co son do mar?
Como vos queda o corpo cando admirades a estes nen@s e moz@s de Vigo? amigooo... 
¿Qué din os rumorosos na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?

¿Qué din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
 
Que é vivir como galeg@s? Ademais dunha publicidade e marketing top top top...
E se queres ir practicando ATURUXOS... por que ou cando mola botalo?

Buscade cancións, poemas, contos, debuxos, pinturas… que falen dos ríos que desembocan no mar… que falen da nosa cidade ousexa de nós, preguntarlle aos vosos avóas e avós, que vos falen dos ríos, dos muiños e das muiñadas, da Galicia agraria que eles viviron. E será que habelas hailas?...

PORTOS IMAXINARIOS E REAIS...
Incidindo nesa idea de vinculación da Coruña co mar, pola súa posición estratéxica no Golfo Ártabro, o noso porto tivo unha gran relevancia no mundo. Pensade que o porto de Coruña foi moito máis importante que o de Barcelona, aínda non chegara a industrialización, o textil, Inditex...ja,ja  nin Rotterdam era ó que é.  O futuro do negocio do mar estaba no Atlántico, por Sevilla e Cadiz para América e por Coruña e Ferrol para conectar a ruta das especies no oriente co norte de Europa, ou tamén para ir a América.


A Coruña  foi un dos portos máis importantes, no SXVI fomos  case a Ostia... 


Pensade que ese explendor antiguo do Mediterráneo, está un pouco de capa caída,  no SXVI o imperio español e Coruña era case a Ostia!  A Monarquía española no gran imperio emparentada coas casas reais de Flandes, Italia, Portugal, Inglaterra gañaron prestixio, o negocio e monopolio que tíñamos con América e Filipinas era moi rentable. O porto de Coruña podería haber chegado a ser a Ostia se Carlos V nos otorgara daquela a casa da contratación das especies, que viría acompañada dunha dotación ou equipamento de estratexia militar. Non foi asi, foi para Portugal en favor de Lisboa.

Evolución dos portos modélicos con todas as súas infraestructuras integradas 
A dotación dun porto cada vez máis completa, tiña que ter un equipamento e loxística para manter a toda a xente que vivía do mar, pesca, comercio, defensa. Tiña que abastecer, alimentar e aloxar, facer barcos e reparar, facer velas que estaban feitas con lá, telas, fíos, fundicións para facer armas,  insturmentos de navegación para medir o tempo, a velocidade, a altura dos astros, as cartas de navegación... escolas militares. Imprescindible un faro, diques, atarazanas... e non podía faltar uns fornos onde facer as galletas de mar ou tortas duras de fariña de trigo, doblemente cocida e sen levadura, para durar moito tempo, incluso anos nas bodegas dos barcos. Eses bizcoitos, auga, e viño non podía faltar xunto con peixe salgado e animais vivos para as bodegas dos mariñeiros.
Nápoles
 Amberes
Fixádevos a esquerda na estructura defensiva ou "pentágono"
 moi similar a cidadela de Jaca. 
 Pero ao final do SXVI e comezo do XVII non só eran as borrascas ou a calma chicha e o escorbuto os causante dos perigos do océano, era tal cantidade de piratas polas costas da península ibérica, que facer unha viaxe por mar era aventurarse ao infortunio, a escravitude ou a morte, que sempre pasaban moi cerca. Incluso tamén para os reies que iban nos mellores barcos, cos mellores cabalos, e escoltados, moitos eran os barcos que non chegaban a bo porto. Eran os piratas holandeses, ingleses e franceses, xunto cos moriscos expulsados que se estableceron no norte de África con ansias de venganza, quenes mataban ou peor, vendían como escravos a homes, mulleres ou nenos a Túnez, Estambul. Das mulleres se fala pouco porque non escribiron a historia, pero si iban a América, as tripulacións levaban mulleres co obxectivo de repoboar.

A CORUÑA e as tres rías Ártabras. 
 Mirando ao mar CANTO DE FONDO É O TEU OLLAR?
NIVEL1 - Sensitivo e intuitivo
NIVEL 2 - Saberes aprendidos nas ciencias e humanidades e coñecementos prácticos dos deportes que faremos: navegación a vela, surf e piragüismo
NIVEL 3 - Significación ou interpretacións do que vivimos como galeg@s e cascarilleir@s

El gran kan tamén poseía un atlas cos debuxos dos confins dos reinos do seu imperio, rutas de navíos, contornos de costas, planos das metrópolis máis ilustres e portos máis opulentos.
"Al contemplar estos paisajes esenciales, kublai, reflexionaba sobre el orden invisible que rige las ciudades, en las reglas que responden su manera de surgir y cobrar forma y prosperar y adaptarse a las estaciones y marchitarse y caer en ruínas."

Inspirémonos para a rosa dos ventos que ides facer, e gocemos destes extraordinarios mapas en acuarela, feitos polo cartógrafo portugues no SXVII Pedro Teixeira, quen retratóunos para o Rei planeta, con esa visión aérea, son moi bonitos e fantásticos!
Se miramos eses mapas que vemos?
 FERROL defendido pola forma dunha natureza inexpugnable
BETANZOS E ARES


RIBADEO  aínda sen ponte por arriba do Eo
VIVEIRO E BARQUEIRO
CEDEIRA

  CORME E LAXE e as súas chuscas rivalidades
CAMARIÑAS, o palillar encaixes aínda non era suplemento na economía familiar cando non había bo mar...
 
CORCUBIÓN antes das conserveiras catalanas xa foi un porto importante por estratéxico
 FINISTERRE representada como costa da morte con esas naos a piques de irse a pique
 MUROS máis que beleza de natureza!

AROUSA que cousa!

 PONTEVEDRA, tivo unha etapa de moita importancia portuaria
 VIGO aínda non tiña a noria e as luces de Abel Caballero
 ILLAS CÍES Paraíso natural onde na actualidade non pode verse as estrelas,
polo negocio e ocio derivado da visión comercial propagandística de Abel Caballero
BAIONA onde no 1493 chegou a Pinta capitaneada por un Pinzón
A inmensa sorte de ser galeg@s permítenos ter estes mapas con moitos tesouros agochados, que iremos descubrindo coa nosa curiosidade, escoitar a quen sabe, lecturas...

Axudándonos a ter xuizo crítico e repensar as nosas cidades, refacéndose e desfacéndose cada día, reinventándose impulsadas por ventos propicios, ou non. Gañar ou perder? Cidades harmoniosas ou deformes? Cidades paraiso ou inferno?

"El infierno de los vivos no es algo por venir; hay uno, el que ya existe aquí, el infierno que habitamos todos los días, que formamos estando juntos. Hay dos maneras de sufrirlo. La primera es fácil para muchos: aceptar el infierno y volverse parte de él hasta el punto de dejar de verlo. La segunda es arriesgada y exige atención y aprendizaje contínuos: buscar y saber reconocer quén y qué, en medio del infierno, no es infierno, y hacer que dure, y dejarle espacio." Italo Calvino.